Monday 29 de April de 2024

Iniciados os traballos para renovar toda a iluminación pública de Cariño a LED


• A obra, que foi adxudicada por 730.000 euros, está cofinanciada a través dunha subvención do IDAE.

· En total se substituirán 1.546 luminarias e 23 cadros de mando por un importe de 802.821’21 euros.

· Estímase que con esta actuación aforraranse anualmente 65.000 euros.

· José Miguel Alonso Pumar destaca “a envergadura da obra e os beneficios que terá, tanto en mellora da iluminación como en aforro” e pide desculpas aos veciños e veciñas “polas molestias que poidan causar os traballos”.

O Concello de Cariño iniciou os traballos para renovar a tecnoloxía LED toda a iluminación pública do municipio, unha actuación que foi adxudicada por 730.000 euros e que supón un ambicioso proxecto de mellora da iluminación pública no municipio: modernizarase o sistema, cambiaranse os puntos de luz e lograrase un significativo aforro.

A través deste proxecto cambiaranse a LED 1.546 luminarias e 23 cadros de mando. A renovación dos cadros por outros máis modernos que contan con sistemas de control remoto permitirá acender, apagar ou regular a intensidade de cada unha das luminarias en calquera momento e sen ter que acceder fisicamente ao sistema, simplemente a través dun teléfono móbil.

Para financiar estes traballos o Concello recibiu unha subvención do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía ( IDAE). A través dos fondos FEDER da Unión Europea achega 642.256’97 euros, e o importe restante provén das arcas municipais.

O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, destacou “a envergadura da obra e os moitos beneficios que terá cando estea finalizada, tanto en mellora da iluminación como en aforro xa que, por poñer un exemplo, en 3 anos de funcionamento amortizaremos o achegado polo Concello para esta actuación”. “A partir de aí, cada exercicio haberá un aforro importante con respecto á situación actual que permitirá investir ese diñeiro en máis servizos para os veciños”, subliñou.

Ademais, o rexedor pediu “desculpas de antemán aos veciños e veciñas de Cariño que se poidan ver afectados por estes traballos xa que, como todos sabemos, as obras adoitan xerar unha serie de inconvenientes pero son necesarias para continuar mellorando as nosas infraestruturas e por iso rogamos comprensión”.

Eficiencia enerxética e aforro
O Concello quere modernizar o sistema promovendo a eficiencia enerxética e o aforro. As novas luminarias e a modernización dos cadros de mando permitirán reducir o consumo eléctrico, conseguir unha maior durabilidade da instalación, baixar a emisión de CO2 á atmosfera en 180 TN por ano e responder dunha forma máis rápida e eficaz #ante calquera incidencia.

En canto ao consumo, pasarase de gastar 678.00 KW/ h a 326.000 KW/ h coa nova instalación. Por tanto, reducirase preto dun 50% o consumo e ademais gañarase en visibilidade debido á maior potencia lumínica das lámpadas tipo LED. Así, o aforro económico estímase nuns 65.000 euros, o que supón ao redor do 60% do gasto total actual.

Alonso Pumar lembrou que “desde o ano 2016 no goberno local emprendemos unha aposta decidida pola eficiencia enerxética con diferentes actuacións que teñen o seu último episodio con este proxecto e que demostran que desde unha vila como Cariño pódese ser pioneiros no cumprimento dos protocolos ambientais europeos”.